Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta colaborará co Concello das Pontes na redacción dun PXOM adaptado á nova Lei 2/2016 do solo de Galicia


Trátase do primeiro encontro co concelleiro de urbanismo co fin de prestar colaboración técnica na redacción do novo PXOM, que conta cunha achega por parte da Xunta de 181.000 euros

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu esta mañá ao concelleiro de urbanismo das Pontes de García Rodríguez, Antonio Alonso Román, co fin de tratar a adaptación do PXOM en trámite á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.

O concelleiro, que asistiu acompañado dun técnico do equipo redactor, trasladou o novo impulso que dende o concello se lle está a dar ao PXOM para poñer fin ás normas subsidiarias de planeamento, vixentes dende hai máis de tres décadas. As previsións que manexa o concello pasan por que a aprobación definitiva do PXOM, que planificará e ordenará o futuro do municipio, sexa unha unha realidade a finais do vindeiro ano 2017.

Neste senso Alonso Román tamén trasladou que, paralelamente á redacción do PXOM, o concello pretende impulsar unha modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento vixentes (aprobadas definitivamente o 18/04/2015) para dar un novo tratamento á fachada do lago e recuperación do entorno. Rivas Díaz, considerou que este proxecto, pola súa entidade, debe inserirse no PXOM e recomendou ao concello que aproveitase a tramitación do PXOM para darlle o tratamento adecuado.

Axilidade e eficacia
A secretaria xeral, Encarnación Rivas, comunicou que a nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que entrou en vigor o pasado 19 de marzo, actúa sobre os 2 principais focos que ata o momento retrasaban a tramitación do PXOM.

A nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia simplifica e axiliza a tramitación dos planeamentos ao unificar o procedemento urbanístico co ambiental e ao reducir, de 2 meses a un, o prazo do que dispón o Instituto de Estudos do Territorio para facilitar a documentación que soliciten os concellos para iniciar a redacción do PXOM.

Rivas Díaz tamén destacou que agora o informe previo á aprobación inicial que emite a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo convértese nunha consulta máis dentro da fase tramitación ambiental, o que axiliza considerablemente os tempos ao concentrar as dúas vías que antes discorrían paralelas (ambiental e urbanística) nun único procedemento.

A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico a este documento que planificará o desenvolvemento deste concello, para o cal concedeu axudas por importe de 181.000 euros.